Presentación de Xosé María Álvarez Cáccamo. 20 de enero 2011. MARCO. Vigo

 

DENSA POÉTICA DE ALTURA

Despois de dez anos do noso primeiro encontro en Vigo, vexo a Pablo Fidalgo xa moi feito como poeta, dono dunha voz madura e dunha intensa e sabia paixón de mocidade. Estrea Pablo madurez co seu primeiro libro, La educación física, afortunado título para un conxunto moi singular de poemas, que a editorial Pre-Textos tivo o acerto de entregarnos en edición de 2010.

La educación física é indagación exhaustiva, obsesiva, arredor da substancia esencial da xuventude, discurso elaborado e trascendido a partir da propia biografía, superada toda tentación documental, lonxe, pois, dos reducidos códigos da poesía da experiencia. Evita tamén o poeta a deriva cara a posicións exaltantes ou apoloxéticas, por máis que a certeza da diferencia promova unha emoción de orgullo que asenta na rebeldía e na militancia orxiástica, tribal (case claustral) e deriva en grande medida da entrega ás causas do teatro independente. Contra o exceso do cohercitivo compromiso vital, declárase a urxencia de atmósferas abertas: “¿Por qué no salimos a la lluvia / y corremos juntos a través de los campos?”.

O relato desta singradura biográfica mostra os procesos da intensidade acumulativa con esforzado ánimo totalizador: “Y me he despertado / en todas las casas de la ciudad, / en todas las habitaciones posibles”. Noutros momentos e en reiterada mostra de matices emocionais e reflexivos, o poeta deseña o perfil interior da experiencia xuvenil como sacrificio iniciático. E, instalado na conciencia da fronteira, entre unha etapa que clausura a vixencia do seu programa e o limiar dunha nova estación, expresa o paradoxo das sensacións contraditorias: nostalxia, asombro, ollada en expectativa de liberación…. Pois non se trata, insisto, de erguer o himno da exaltación senón de tentar comprender as claves dunha existencia –propia e colectiva- vivida no territorio da paixón e da heterodoxia. Pablo Fidalgo elabora en La educación física un sólido discurso moral non dogmático, unha permanente e atrevida procura interrogante.

A vivencia da mocidade como drama en curso de ensaio complementa o seu sentido coa experiencia do oficio teatral ao xeito de fundamentadora aventura de vida. A vida é representación e, asemade, desde a acción colectiva do grupo teatral apréndense os itinerarios da existencia: “El teatro solamente me sirvió / para saber cómo quiero vivir / cuando la juventud acabe, / para saber exactamente cómo quiero ser amado / cuando despierte”. Saír á luz do día, espertar da clausura da noite significa superar o fracaso en que consiste o acto de durmir. Este enigma do sentido de La educación física (libro onde abondan as suxestións sen clarificar, as aberturas polisémicas) exprésase nun poema maxistral, desacougante enumeración inquisitiva, que comeza así: “Porque siempre llegamos a la noche / desde días distintos… “

Significados do ámbito do enigma ou símbolos de uso universal son instrumentos propios dunha concepción do poema como porta aos rumbos do coñecemento revelador, da visión. La educación física, máis que o testemuño dun fragmento de vida, representa a tentativa de interpretación do mundo através do poema, na mellor tradición do simbolismo de todos os tempos e non só na máis recente da poesía francesa de finais do século XIX.

O que máis sorprende e seduce entre os logros deste libro, deste poeta, é o inusual equilibrio entre os sobrios rexistros da voz e a capacidade de suxestión polisémica. A partir dun conxunto discreto de motivos temáticos teimosamente reiterados e co uso dunha linguaxe substancial, de estilo nominal, sen recurso á imaxe sensitiva nin procura de brillos de sorpresa, Pablo Fidalgo consegue engaiolarnos, atraparnos no interior dun relato aberto, denso e desacougante. Relato sen anécdota, panorama sen planos de detalle, discurso de aparencia denotativa, a clave do estilo e da ollada poética de La educación física reside na aposta pola esencialidade expresiva ao servizo dunha tonalidade interrogativa e dialogante e da indagación inconforme nos estratos profundos da propia vivencia de mozo que se recoñece ubicado no linde final da estación xuvenil. Ingresa agora Pablo nos dominios da segunda mocidade e faino acompañado, auxiliado, por un manual de pensamento forte, por unha Poética de altura que conforma algo máis sólido que os alicerces dunha obra con evidente proxecto de futuro.

Anuncios

Los comentarios están cerrados.